0% leído

Á hora de vender un produto, a imaxe sempre é fundamental. O mercado inmobiliario, cunha grande escaseza de obra nova, non é alleo a esta circunstancia, por iso en moitos casos compensa investir cartos en mellorar algúns aspectos que nos axuden a acadar o noso obxectivo e fuxir deses longos tempos de espera que arrastran algúns bens.

Un comprador xa de por si ten que facer moitas contas á hora de procurar un novo fogar, e mais aínda se ten que pedir unha hipoteca. Se aínda por riba ten que engadir unha reforma é máis doado que se bote atrás. O cliente potencial saberá así que o prezo que paga é definitivo e non terá que pensar en obras posteriores, que sempre supoñen unha dor de cabeza e de peto. Por non falar de que pode retrasar a data de entrada para vivir.

Ademais, a veces estaremos a falar de custes baixos e en todo caso de gastos que sempre buscaremos recuperar. Os expertos aseguran que un inmoble reformado pode revalorizar o seu prezo de venda nun 10 por cento, co cal pódese amortizar. Con todo, non sempre é necesario meterse en obras grandes. Imos repasar algúns elementos que cómpre ter presentes.

A pintura
É obvio que resulta fundamental que a vivenda entre polos ollos dos posibles compradores. Pero se as paredes están vellas ou transmiten unha sensación de sucidade será difícil que a primeira impresión, moi importante á hora de mostrar un piso, sexa positiva.

Pintar a propiedade supón un investimento pequeno en relación coas cantidades que se manexan na compravenda de inmobles e así ofreceremos a sensación de que o ben a mercar está ben coidado. Así, tamén transmitiremos ao interesado que nos preocupamos polas cousas e que non vai atopar sorpresas desagradables cando leve unhas semanas vivindo nel. Pensa sempre como che gustaría a ti atopar algo ao que lle vas dedicar cartos.

Á hora de pintar, decántate sempre por cores pouco rechamantes e mais ben neutros. Sempre serán máis susceptibles de gustar ao comprador e axudan a que os espazos gañen en luminosidade.

A luz
Precisamente a iluminación é un dos puntos que máis se valora na busca de vivenda. Os pisos exteriores están máis demandados que os interiores. Para favorecer a luminosidade da casa podes introducir novos puntos de luz, que sen dúbida axudarán á hora de amosar as diferentes estancias nas visitas.

Se tes algunha dúbida, proba ti mesmo a ver o teu salón ou a túa cociña coas luces acendidas e apagadas. De novo estamos a falar dun investimento pequeno que pode reportarlle á vivenda moitos puntos a favor.

Sen mobles, mellor que con malos mobles
Polo xeral, cando un merca unha casa leva os seus propios mobles e decora todo ao seu gusto. Por iso non será estritamente necesario que teñas o piso amoblado, aínda que sempre é máis recomendable dar unha imaxe acolledora e que así o comprador potencial sinta que está a visitar un fogar. Ademais, axudará a que el mesmo se imaxine como daría o seu toque persoal.

Sen mobles, mellor que con malos mobles - Consellos Venda Vivenda Galicia

Con todo, hai que ser coidadoso co mobiliario que se ten. Se hai algunha mesa, andel ou cadeira defectuosa é mellor que non estea. É preferible non dar imaxe a dar unha mala imaxe.

Este factor é máis complicado cando falamos de estancias como a cociña ou o baño. Aquí os materiais non son tan móbiles e son máis caros de substituír. No caso da cociña témolo máis doado, xa que existes moitos mobles de baixo custo de aspecto moderno que poden botarnos unha man á hora de darlle un lavado de cara.

No caso do baño terémolo máis complicado se a louza sanitaria é antiga. Probablemente non teremos máis remedio que reformalo, pero tamén aquí teremos aliados. En primeiro lugar, as axudas públicas que de cotío saca a Xunta de Galicia. A última quenda supoñía un 40 por cento de desconto na compra de materiais e podían xestionarse a través do propio comercio.

En segundo lugar, algo que xa apuntabamos antes. Se temos que investir unha importante cantidade de cartos en actualizar o baño ou a cociña temos que decatarnos de que logo poderemos subir o prezo de venda do inmoble, polo que recuperaremos o investido.

Esta situación pode darse coa cociña se os electrodomésticos son excesivamente vellos, pero a administración autonómica tamén contempla subvencións para a súa renovación.

Hai que ter en conta tamén que un baño ou unha cociña en mal estado poden arruinar os plans duns comprador. Así como os dormitorios son máis mudables e preocupan menos, estas dúas estancias son máis decisivas á hora de botar atrás a un cliente potencial.

Zonas comúns do edificio
Aínda que pode ser un aspecto menor, moita xente dálle importancia aos veciños cos que terá que convivir durante moitos anos. Por iso, prestarán especial atención ao estado das zonas comúns do edificio.

Zonas comúns do edificio - Venda vivenda Galicia

Se non se atopan en bo estado poderán pensar que a comunidade non se preocupa deses temas e que incluso non hai fluidez na relación entre os veciños. Aínda que é unha tarefa allea, sempre podes implicarte na mellora das instalacións que poidan xerar dúbidas nun futuro comprador.

Ademais, neste sentido, é probable que o custe sexa nulo ao ir con cargo á comunidade ou pequeno se é preciso pagar unha derrama para unha obra maior.

As fotos e o día da visita
Basta con navegar uns minutos por internet para comprobar a diferenza existente entre os anuncios de vivendas que teñen colgadas boas fotos e os que soben fotos calquera. Algunhas inmobiliarias incluso contratan profesionais para que as imaxes inciten a chamar e querer visitar a casa.

Non é necesario chegar a tanto, pero antes de subir o teu inmoble a Walicia é aconsellable coidar moito as instantáneas que ofreces publicamente do teu particular produto. A calidade da cámara, os ángulos, a luz… Todo inflúe e as posibilidades de recibir contactos aumenta.

Ademais, o día da visita, o estado do piso ten que corresponderse con esa expectativa previa creada. Cun pouco de orde e limpeza, gañaremos puntos de xeito moi sinxelo.

Últimos detalles
As veces elementos como as portas, as fiestras, os tiradores ou similares poden botar por terra todo un conxunto. Revisa como se atopan e valora se deberías cambiar algo. Os detalles moitas veces marcan a diferenza.